sábado, 31 de mayo de 2008

OS MAIOS

Copiada na súa maior parte de:
http://www.galespa.com.ar/festas_maios.htm
Chegou xa o maio
cantando ós amores,
namorando ás nenas,
vestido de flores.
Di a copla milenaria que marzo é airoso e abril chuviñoso, pero o Mes de Maio é florido e fermoso. Todos os pobos senten unha gran admiración polo renacer cíclico da natureza, o fin do inverno e a chegada do bo tempo, a explosión da vida protagonizada polas plantas. Galicia non é un caso illado; en moitas aldeas e pobos celébranse de xeito diferente, unha serie de manifestacións folclóricas, agrarias e lúdicas, co fin de festexar o renacer anual. O "Ciclo de Maio", está comprendido entre mediados de abril e mediados de maio, pero algúns autores son partidarios de alargalo ata o 24 de xuño, festividade de San Xoán (solsticio de verán), onde hai unha serie de festas e ritos encamiñados a conseguir abundante colleita e a celebrar o fin do inverno.



Estes ritos son restos de antigos cultos agrarios e da fecundidade, de procedencia diversa e de épocas que abranguen dende o Paleolítico ata a Idade Media. Localízanse tamén en outras comunidades e países.

A festa mayumea fenicia exaltaba a primavera. Esas costumes foron asimiladas polas civilizacións prerromanas, como a celta. A festividade celta de Beltane marcaba o comenzo do verán pastoril cando o gando se levaba aos pastos de verán nas montañas. Unha das actividades da festa consistía en acender fogueiras nas montañas.

Os gregos crearon un mito para explicar o cambio estacional: " Perséfone, filla da deusa da fertilidade da terra (Deméter para os gregos, Ceres para os romanos) que foi raptada polo señor do escuro mundo subterráneo, cando, como tódolos anos, volta á terra despois do inverno que pasa co seu esposo Hades, a súa nai recíbea cunha explosión de ledos verdes e flores multicores". Esta eclosión primaveral celebrábana as mulleres da Atenas clásica coas festas mistéricas ,de carácter secreto e prohibidas ós homes , dedicadas á deusa dos cereais.
Os cidadáns romanos, pola súa parte, xa antes de ter escravos que lles traballaran as terras, festexaban á Maia, nai do nome do mes, durante a que se purificaban os campos coa realización de sacrificios de animais. Os cristiáns adaptarán, en grande medida, estas festividades no seu santoral transformando o nome, pero non os contidos.
Na etapa medieval a celebración de rituais propiciatorios do espertar da natureza, expresión cultural dunha sociedade agraria na que xogan un papel fundamental os cambios estacionais para o seu traballo, experimentou, sen dúbida, un notable desenvolvemento. Entre os festexos estarían, sen dúbida, os do mes de Maio e os do tempo da colleita, preferentemente a do pan.



Os Maios representan o rexurdimento da natureza coa chegada da primavera e que
infinidade de pobos de todo o mundo celebran de diferentes xeitos. Na Galiza temos
varios tipos de Maios:
1. O Maio humano, o máis antigo, que é o home ou rapaz cuberto de follatos e flores
que sae polo lugar, acompañado de rapaces que paran para cantar ao redor do Maio
con acompañamento de paus. Con tal motivo pídense as maiolas ou maias,
castañas, noces,ovos... ou diñeiro.
2. Noutros lugares é unha especie de pirámide de pau cuberta con follatos e flores e
froitas que se leva en padiolas e que ao seu redor se cantan cantigas tradicionais ou
satíricas ao redor con acompañamento de paus.
3. Son os Maios artísticos, máis modernos, con figuracións de Hórreos barcos,
monumentos, etc.
Manuel Murguía, Vicente Risco, Benito Vicetto, Filgueira Valverde, Otero Pedrayo e, na actualidade, Clodio González Pérez, teñen indagado e feito labores de investigación e recuperación desta antiga tradición que liga, dun xeito case espontáneo, o home coa terra a través do ciclo agrario.

No hay comentarios: